Visita a Burgos e Atapuerca do CPI Virxe da Cela de Monfero

 


O alumnado da ESO do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero tivo a oportunidade de descubrir un dos lugares máis importantes a nivel mundial en canto a estudos de evolución humana se refire.

No Centro de Arqueoloxía Experimental (CAREX), descubrimos como se fabricaron as primeiras ferramentas empregadas polos primeiros homínidos que habitaron a serra de Atapuerca, como poden ser os recoñecibles bifaces. 



Tamén puidemos coñecer as técnicas que empregaban para realizar as impresionantes pinturas que se poden atopar en múltiples covas da nosa xeografía e, converternos en verdadeiros cazadores do Paleolítico.


Despois de saír do CAREX, coñecemos de primeira man os impresionantes xacementos de Atapuerca de Sima del Elefante, Complejo Galería e Gran Dolina. Nestes xacementos, xunto coa famosa Sima de los Huesos, foron descubertos os restos máis antigos de homínidos atopados, ata o de agora, no continente Europeo: restos dunha especie aínda descoñecida do xénero Homo, cunha antigüidade de 1.300.000 anos. Nestes xacementos tamén se atopou, e describiu, unha nova especie de homínido, o Homo antecessor (850.000 anos), xunto con restos doutras 3 especies máis: Homo heidelbergensis ou preneandertal (500.000 anos), Homo neanderthalensis (50.000 anos) e Homo sapiens. Ademais tamén se atoparon abundantes restos de industria lítica, xunto a restos de fauna do Pleistoceno: mamuts (Mammuthus sp.), rinocerontes laúdos (Coelodonta antiquitatis), megaloceros (Megaloceros giganteus), uros (Bos primigenius), tigres dientes de sable (Homotherium latidens),  osos (Ursus deningeri), e un largo etcétera.




De volta á cidade de Burgos, descubrimos a espectacular catedral de Burgos, primeira catedral gótica da Península Ibérica. Aquí descubrimos algún dos segredos agochados neste fermoso templo, como o famoso Papamoscas, autómata do século XVIII e, por suposto, o sepulcro actual dos restos de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid Campeador. Á saída da catedral, visitamos algúns dos puntos de maior interese do casco histórico de Burgos, como o Arco de Santa María, porta medieval da antiga muralla de Burgos que alberga actualmente unha sala de exposicións, o Paseo do Espolón, a estatua do Cid Campeador ou a Ponte de San Pablo, custodiada polas impoñentes esculturas dos familiares do Cid Campeador.


Ó día seguintes puidemos realizar un auténtico safari polas faunas do Paleolítico xunto ás guías de Paleolítico Vivo. Este espazo natural ofrece a oportunidade de achegarnos ás faunas paleolíticas, pois aquí podemos atopar especies moi primitivas de cabalos salvaxes como son o cabalo Tarpán (Equus ferus ferus) ou o cabalo Przewalskii (Equs ferus przewalskii), o bisonte europeo (Bison bonasus), ou os uros, especie extinta no século XVII. 










Os uros son realmente unha especie obtida a partir de cruces de exemplares seleccionados de razas de bóvidos actuais, na procura das características ancestrais dos uros salvaxes prehistóricos (Bos primigenius). O resultado son estes uros que podemos descubrir no recinto de Paleolítico Vivo, que teñen as características dos uros prehistóricos, a diferenza do seu tamaño, pois estes serían notablemente máis pequenos que os orixinais. 


Á saída de Paleolítico Vivo, introducímonos nas profundidades da terra, para descubrir as galerías subterráneas da Mina Esperanza, onde se explotaron minerais de ferro, principalmente a hematita (óxido de ferro) e a limonita (hidróxido de ferro). Aquí puidemos descubrir como era a vida dos mineiros que traballaron nesta mina dende 1908 ata 1973.


O broche de ouro desta viaxe foi a visita ó Museo da Evolución Humana (MEH), onde puidemos contemplar algúns dos restos fósiles máis incríbeis procedentes dos xacementos de Atapuerca, e outras rexións do mundo. 

A visita a este museo, que expón fósiles orixinais, permite facer un percorrido ao longo da historia da evolución humana, descubrindo incríbeis restos como poden ser o famoso bifaz Excálibur, un enigmático bifaz vermello atopado na Sima de los Huesos,  ou o mundialmente coñecido Cranio nº 5, máis coñecido como Miguelón,  cranio de Homo heidelbergensis ou preneandertal en excepcional estado de conservación descuberto no ano 1992. O excepcional estado de conservación permitiu descubrir que o individuo ao que pertencen estes restos foi coidado durante varios meses polos seu conxéneres e que faleceu por unha infección de dentes, relacionada cun forte golpe que recibiu no lado esquerdo. O nome de Miguelón, é unha homenaxe ao ciclista Miguel Induráin, que nese verán de 1992 conseguía o seu segundo Tour de Francia consecutivo. 






Comentarios

Publicacións populares deste blog

Visita ao Xeoparque Montañas do Courel

Sistema solar a escala