XV Olimpíada de Xeoloxía (fase galega): sede de Cabo Ortegal


O pasado mércores 7 de febreiro celebrouse a fase galega da XV Olimpíada de Xeoloxía, organizadas pola "Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra" (AEPECT), en colaboración con distintas institucións. Este ano, esta fase galega celebrouse en catro sedes simultáneas: Xeoparque Cabo Ortegal, Xeoparque Montañas do Courel, Santiago e Vigo.  Esta olimpíada divídese en dúas probas: 

- Unha primeira proba, en forma de xincana, na que o alumnado compite en grupo. Na sede de Cabo Ortegal, esta proba realizouse nas inmediacións do Faro de Cabo Ortegal, un lugar fantástico a nivel paisaxístico, pero tamén excepcional en canto a interese xeolóxico. 



- Unha segunda proba, en forma de proba tipo test, de carácter individual, con cuestións relacionadas coas diferentes áreas da Xeoloxía e as Ciencias Ambientais. Na sede de Cabo Ortegal, esta proba foi realizada no IES Cabo Ortegal de Cariño.

Tres alumnas do CPI Virxe da Cela de Monfero, participaron na sede do Xeoparque de Cabo Ortegal e, aínda que non levaron premio, si que realizaron unha moi notoria participación, especialmente na proba da xincana. Parabéns pola vosa participación!!




Despois da realización das diferentes probas, e tras repoñer forzas nunha das pizzerías de Cariño, o alumnado e profesorado acompañante puideron desfrutar dunha visita guiada polo xeólogo Francisco Canosa por algún dos puntos máis importantes e máis espectaculares do Xeoparque de Cabo Ortegal.

Podedes atopar máis información na páxina web de AEPECT Galicia, ou na seguinte noticia do xornal La Voz de Galicia

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Visita a Burgos e Atapuerca do CPI Virxe da Cela de Monfero

Visita ao Xeoparque Montañas do Courel

Sistema solar a escala