Que está a pasar no núcleo terrestre?

 

O núcleo, tamén chamado endosfera, é a capa máis interna da xeosfera, situada entre os 2.900 km de profundidade e o centro terrestre, situado a algo máis de 6.370 km de profundidade. Está composto fundamentalmente por ferro e en menor medida níquel, e ten dúas rexións claramente diferenciadas: o núcleo externo, formado por rochas fundidas, e o núcleo interno, formado por rochas sólidas.



A rotación da Terra fai que o núcleo externo se poña tamén en rotación. A rotación libre do núcleo externo (líquido) actúa como unha dinamo que xera o campo magnético terrestre, que protexe a Terra do vento solar e permite que haxa vida na superficie.

Pero, que está pasando coa velocidade de rotación do núcleo? Aínda que é algo do que xa se tiña constancia a través de traballos previos, un estudo publicado na revista Nature Geoscience, liderado polos científicos chinos Yi Yang e Xiadong Song, afirma que o núcleo do noso planeta se freou durante os últimos anos e mesmo chegan a afirmar, que é posible que estea xirando en sentido contrario á superficie do planeta.

Os científico xa detectaran un parón similar na década de 1970, o que fai pensar na posibilidade de que exista un ciclo de oscilación na velocidade de rotación do núcleo terrestre, tal vez asociado a un fenómeno de resonancia que conecta tódalas capas da Terra.

Pero...ninguén chegou ao núcleo terrestre para saber como é e de que está composto entón, de onde obtemos esta información? Pois a resposta está nos terremotos. Cada vez que se produce un terremoto na Terra, prodúcense unha serie de ondas (similar a cando lanza unha pedra nun lago) que viaxan por toda a superficie da Terra así como polo seu interior. Cando estas ondas sísmicas son recollidas e analizadas en diferentes estacións sísmicas repartidas por todo o planeta, desvelan datos relacionas coa composición, estado físico das rochas e mesmo da velocidade de rotación das diferentes capas da xeosfera.

A partir dos estudos sísmicos púidose demostrar que o núcleo xira máis rápido, e estímase que o núcleo da unha volta máis que o resto do planeta cada 900 anos, aproximadamente. Esta falta de sincronía parece que se debe ao efecto das mareas e ao afastamento progresivo da Lúa, que fan que a codia (a capa máis superficial da xeosfera) se free.

Sen embargo, os asinantes deste estudo, mediante o análise de case 200 terremotos, afirman que o núcleo terrestre se freou e que agora xira un pouco máis lento que a codia. Que efectos pode ter este fenómeno?

Este parón pode ter efecto globais, como acurtar os días nunhas fraccións de segundo, influír no clima e mesmo no nivel do mar. Sen embargo, estes efectos serían imperceptibles a escala humana. Parece que a anomalía que se está a detectar no núcleo, fai que hoxe os días sexan unha milésima de segundo máis curtos que en 1970.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Visita a Burgos e Atapuerca do CPI Virxe da Cela de Monfero

Sistema solar a escala

Visita ao Xeoparque Montañas do Courel